Friday 26 de April de 2024

A Xunta destaca o papel clave do turismo e do Xacobeo na recuperación económica de Galicia


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, impartiu o relatorio “Impacto do Xacobeo na recuperación económica de Galicia”, no marco da Xunta Territorial da Galicia de Ibermutua Gallega

― Alfonso Rueda subliñou o impacto da peregrinación no bo comportamento do turismo, como quedou demostrado o pasado verán e na Semana Santa deste ano, cando Galicia liderou o crecemento do sector con cifras que nalgúns casos superaron as anteriores á pandemia

― O responsable de Turismo no Goberno galego manifestou a súa confianza de que Galicia peche o ano “con cifras históricas” da man do Xacobeo e dun modelo turístico de calidade que se adapta á demanda do viaxeiro do século XXI

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel clave do turismo e do Xacobeo na recuperación económica de Galicia no marco da Xunta Territorial de Galicia de Ibermutua Gallega, na que impartiu o relatorio Impacto do Xacobeo na recuperación económica de Galicia.

Nun acto ao que asistiu tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, Alfonso Rueda subliñou o impacto da peregrinación no bo comportamento do turismo, como quedou demostrado o pasado verán e na Semana Santa deste ano, cando Galicia liderou o crecemento do sector con cifras que nalgúns casos superan as anteriores á pandemia.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro botou man dun estudo realizado antes da pandemia pola Universidade de Santiago que indicaba que o peregrino ten un impacto económico sobre o territorio maior que o turista, o que se constata con máis claridade nos concellos pequenos polos que pasan as rutas xacobeas, “que son fundamentais para a súa economía”.

Os datos macroeconómicos indican tamén que Galicia resistiu a crise do coronavirus mellor que outras comunidades autónomas, como o demostra o feito de que a evolución media interanual do PIB do 2021 experimentase en Galicia un crecemento do 5,2%, un punto por riba da media de España. Rueda destacou o peso do turismo nesa evolución, de aí que defendera que para o Goberno galego “o turismo sexa unha prioridade”. Ao seu entender, “se hai un sector cun impacto directo na sociedade e na economía en xeral, ese é o turismo”.

Consciente de que o turismo ía ser un dos motores da recuperación económica de Galicia trala pandemia, a Xunta estivo desde o primeiro momento do lado do sector con axudas por valor de 120 millóns de euros, cun obxectivo triplo: evitar a caída das empresas nos tempos de peche polas restricións sanitarias, adaptar os negocios aos protocolos e fortalecelos para a nova etapa que se abre agora, “cando Galicia aspira a liderar o sector a pechar o Xacobeo con cifras históricas”.

Xa no que vai de ano están a acadarse eses obxectivos, tendo en conta que na Semana Santa se rexistraron nalgúns destinos galegos cifras de ocupación superiores ás da prepandemia e que no que vai do 2022, da man do Xacobeo, o Camiño superou os 33.000 peregrinos, mellorando as cifras do 2019 no mesmo período, o ano no que se entregaron máis Compostelas.

Alfonso Rueda asegurou que “Galicia está de moda” e puxo en valor a profesionalidade do sector e a solidariedade e responsabilidade dos galegos na consecución destes fitos.